Galicia conta cunhas condicións extraordinarias para a práctica do surf, con praias orientadas a todas as condicións de vento e ondas, o que a converten nun dos mellores destinos para a práctica do surf en Europa. Chegáronse a inventariar máis de 100 praias frecuentadas por surfeiros, moitas das cales aparecen nas principais guías internacionais. Pero no setenta, a situación era ben distinta, e toda a costa galega estaba aínda por descubrir. É hoxe aínda o día que a costa galega, pola súa extensión, esconde ondas nunca surfeadas ou surfeadas por moi poucos.
No verán de 1971, Bremón leva un inverno facendo surf, e decide aproveitar a ponte do primeiro de maio para facer un surfari a Tapia. De camiño a Asturias, pasa Valdoviño e de súpeto, tras unha curva ve unha praia. Baixa por unha estreita pista até chegar a unha duna que domina o centro da praia, no lateral dun pequeno outeiro. E alí, preto dun cantil, un lombo gris corre paralelo á parede rochosa. Carlos ten pouca experiencia, pero intúe que aquela é unha magnífica onda: Pantín. Segue camiño cara ao norte, cara a Cedeira. Apenas un quilómetro despois ábrese outra gran praia na que rompen unhas ondas longas, moi longas. Detén o coche nunha curva que domina a praia e abre o capó para coller o traxe de goma. Pero que desastre!, descobre que se deixou o traxe en Coruña. De todos os xeitos vístese cun pantalón de chandal e unha camiseta vella, colle a súa táboa e á auga. Correrá ondas até que a escuridade da noite impídello. Cando sae xa non se ve nin a beira. Despois pescudaría o nome daquela praia: Vilarube.
Tras Pantín e Vilarrube, viría o descubrimento de Nemiña, e no verán de 1973, e tras moitos días sen ondas, Doniños.
Moitos destes descubrimentos dábanse a coñecer en campionatos que os distintos grupos ían organizando ao longo da costa galega. Nos devanditos campionatos a competición estaba nun segundo plano, e o que primaba era a oportunidade de coñecer e estar en contacto con outra xente coa que se compartía a paixón polas ondas.
A partir daquela data os surfaris ao Norte ou ao Sur pasaron a ser habituais os fins de semana. O surf consolidouse en Galicia como deporte para sempre.
Portada e seguinte:
Carlos Bremón descubrindo Pantín