Até Setembro de 1975, e ao contrario que na Coruña, o surf apenas se desenvolveu na zona de Vigo, sen novos practicantes que se unisen aos irmáns Montenegro, a Nicolás Pita e a Anxos Veiga. Pero a finais do verán de 1975 Nicolás e Víctor Montenegro atópanse na praia de Patos con Vicente Irisarri e os seus irmáns, aos que prestan unha das súas táboas. Os Irisarri, 14 irmáns, 7 deles surfeiros, que levaban tempo tentando facerse cunha táboa en Santander, até entón non conseguiran probar o surf. O préstamo culminou coa compra a Nicolás dunha Dick Brewer de enésima man, suficiente para que o virus penetre en toda a familia Irisarri.
Boa parte da mocidade dalgúns dos irmáns transcorre en Madrid, o que lles permite entrar en contacto con moitos dos cambios e avances sociolóxicos que se estaban vivindo naqueles anos en canto a cultura, moda, pensamento… pero tamén coa cultura surf a través do skate e doutros surfeiros do país. En Madrid fanse coas primeiras revistas americanas, e en pouco tempo pasan a formar parte do persoal de correspondentes da revista Surfer polo mundo, situando a Galicia no mapa mundial do surf a través das súas breves crónicas dos Surf Reports.