Ninguén podería imaxinar naquel momento o alcance e protagonismo que tería nos seguintes meses a noticia que o día 13 de Novembro do 2002 saltaba á prensa. Un barco, de nome Prestige, navegaba, con tan só o seu capitán e o seu xefe de máquinas a bordo, a poucas millas das costas galegas. O barco transportaba 77.000 toneladas de fuel.
Poucos días máis tarde as primeiras toneladas de fuel chegaban á costa. Comezaba un gran pesadelo, e en certo xeito tamén unha intensa batalla, que nos meses seguintes estendeuse por toda Galicia, o norte de Portugal, toda a costa cantábrica e o sur de Francia, na maior catástrofe ambiental ocorrida no sur de Europa.
Pero aquela non era a primeira traxedia deste tipo que tiña lugar nas costas galegas. O Polycomander, en 1970 na Ría de Vigo, coa vertedura de 35.000 tn, o Urkiola, en 1976 na ría da Coruña, con 100.000 tn, o Andros Patria, en 1979 en Finisterre, con 50.000 tn, e o Mar Egeo na ría da Coruña, en 1992, con 79.300 tn, tiveron lugar antes que o Prestige. Pero esta é só a lista de buques que transportaban fuel. Existen outros naufraxios de buques con mercadorías perigosas como o Casón ou o Erkowit, que tamén tiveron lugar nas nosas costas.
Pero o Prestige foi diferente a todos os demais polo movemento social que xerou. Entre as diferentes organizacións que se mostraron moi activas durante eses meses, atopouse a Surfrider Foundation, que abrira delegación en Galicia en 2001 da man de Bosco Imbert e do Océano Surf Club. A antena local de Galicia estivo activa até o ano 2009, organizando durante eses anos máis de 100 actividades vinculadas co medioambiente, e que deu paso a outros colectivos, vinculados co surf, como Coge3, que centra a súa actividade na denuncia da proliferación de plástico nos océanos, un dos problemas máis relevantes aos que ha de facer fronte nosa sociedade, non só polo dano que causan os obxectos producidos con este material na flora e fauna mariña, senón tamén nos propios humanos, aos que chega a través da cadea trófica ao atoparse fragmentado, case “disolto”, no mar.