Na década dos 60 do século XX, produciuse a transición do surf como deporte, ao surf como moda. A praia, un espazo até entón reservado para uns poucos, foi tomado por unha multitude que quería participar do surf.
A industria cinematográfica pronto foi consciente do atractivo comercial do surf. En 1957 os estudos Columbia compraron os dereitos de “Gidget“, a novela de Frederick Kohner baseada nas experiencias de Kathy “Gidget” Kohner, a filla adolescente do autor. Ese ano a revista Life publicou unha foto de Kathy Kohner en Malibú, e dous anos máis tarde, en 1959, a versión cinematográfica de “Gidget” estreouse, converténdose nun gran éxito. “Gidget” trasladaba á gran pantalla, do mesmo xeito que outras películas como “Rebelde sen causa” (1955) e “The wild one” (1954), unha nova cultura xuvenil amante do rock´n´roll e contestataria coa sociedade da época. A “rebeldía” reflectida na película deu ás novas xeracións de surfeiros unha base sobre a que construír a súa propia cultura.
Centos de películas co surf como temática asolagaron os cinemas nesa década, caricaturas en realidade do que é o surf. Pero o seu efecto chamada foi incontestable: cada ano miles de novos surfeiros incorporábanse á nova moda e asolagaron as praias con novas táboas de poliuretano.
O elemento que completou a moda surf dos anos 60 foi a música. Se o cinema e as táboas foron o motor, a música surf, un subxénero do rock instrumental, foi o combustible. Dick Dale, co seu grupo Del-Tones, está considerado como o pai da música surf. A Dick Dale e The Belairs, seguíronlles outros grupos como The Chantays, The Surfaris ou The Mar-kets, que prepararon o camiño para que uns irmáns, de apelido Wilson, puxesen letras a unha música inspirada no surf e que contaba historias da vida cotiá. Era 1961 e acababan de nacer The Beach Boys. As súas cancións, que alcanzaron gran éxito. Estímase que, só no Sur de California, o número de surfeiros pasou de aproximadamente 500 en 1945 a 150.000 en 1964.