Información
Vostede está aquí:   Home  /  Historia  /  A explosión do surf feminino

A explosión do surf feminino

Rell Sunn

Do mesmo xeito que noutros aspectos da nosa sociedade, na década dos noventa produciuse a plena incorporación da muller ao mundo do deporte, e por extensión ao surf. Até entón, a participación da muller estivera á sombra da dos homes, e só puntuais figuras como Rell Sunn, coñecida como a Raíña de Makaha e primeira muller socorrista profesional de Hawaii, Margo Oberg, Joyce Hoffman, Frieda Zamba ou Wendy Botha transcenderan. Mentres que a principios dos anos oitenta as mulleres representaban entre o cinco e o oito por cen do total de surfeiros, a finais do noventa esta porcentaxe elevouse ata o quince-vinte por cen. No século XXI esta cifra segue crecendo.

Neste cambio tivo especial relevancia a irrupción de Lisa Andersen. En 1996 Andersen converteuse na primeira muller en aparecer na portada da revista Surfer baixo un titular ademais desafiante: “Lisa Andersen surfea mellor que ti”. Apoiada na figura de Andersen, e doutras surfeiras como Megan Abubo, Chelsea Hodge ou Sofia Mulanovich, Quiksilver creou neses anos a marca Roxy, a través da cal a moda surf, ás que se sumarían o resto de compañías, pasou a ter unha posición relevante no mundo da moda.

Lisa Andersen embaixadora de Roxy

O estilo de vida que se transmitía na publicidade foi abrazado con forza por toda unha nova xeración de mulleres que se lanzaron ás praias á procura das súas propias ondas. A figura de Lisa Andersen, e os seus éxitos deportivos, cos seus catro títulos mundiais consecutivos entre 1994 e 1997, deu moita máis visibilidade ao surf como deporte tamén feminino. A súa vida foi contada como exemplo de superación: aos 13 anos empezou a surfear, tres anos máis tarde, e tras aforrar durante un ano en diferentes traballos, e con 16, fuxiuse de casa e colleu un avión con destino a California co obxectivo persoal de converterse en campioa do mundo de surf. Aos 17 fíxose profesional, e en 1994 lograría o seu primeiro título mundial.

Kelia Moniz

Hollywood contribuíu tamén a este “boom” coa película “Blue Crush”, na que a surfeira Keala Kennelly dobraba ás protagonistas nas escenas de ondas grandes, e mostraba un novo mundo a descubrir polo sector feminino.
A finais dos noventa e principios dos anos dous mil, a australiana Layne Beachley converteuse na sucesora de Lisa Andersen, encadeando unha carreira de seis títulos mundiais consecutivos, dun total de sete. Até a data só achegouse á carreira de Beachley a tamén australiana Stephanie Gilmore, con 6 títulos mundiais. A chegada de Gilmore foi o impulso definitivo que necesitaba o surf feminino. O seu estilo, cheo de beleza e elegancia, situouna entre os surfeiros máis admirados de todos os tempos independentemente do seu xénero. O seu contrato de cinco millóns de dólares por cinco anos con Quiksilver, foi o primeiro do surf feminino que se asemellou ao de calquera surfeiro masculino. O seu dominio entre os anos 2007 e 2010 foi absoluto, ata que en 2011 irrompeu unha nova xeración de surfeiras encabezada pola hawaiana Carissa Moore que demostrou que non só se podía vencer a Gilmore nun campionato, senón loitar con ela polo título mundial. Desde 2012, Gilmore (campioa en 2012 e 2014), Moore (campioa en 2011, 2013 e 2015), Tyler Wright (campioa en 2016), seguidas de preto por Sally Fitzgibbons e Courtney Conlogue, deron ao circuíto feminino non só un gran incremento no seu nivel, senón tamén un gran interese competitivo.

Porén o camiño por percorrer aínda é moi longo, e iso vese aínda no propio circuíto. En 1987, a surafricana Wendy Botha, campioa do circuíto mundial, rematou o ano con ganancias inferiores ao surfeiro masculino clasificado no posto 16. A maioría dos campionatos, ofrecían, e seguen ofrecendo, unha contía en premios moi inferior nas probas femininas que nas masculinas, a pesar de que se surfeen as mesmas ondas, e as surfeiras atraian hoxe en día a tanto público como os surfeiros.

Os patrocinadores deron tamén en ocasións as costas ao surf feminino, cancelándose algúns eventos, e ofrecendo ás surfeiras presupostos menores para correr un circuíto con case as mesmas probas que o masculino. Ademais, e cando un evento celebra competición de ambos os xéneros, adóitase dar prioridade á proba masculina sobre a feminina cando as ondas son mellores. O tratamento que as revistas e as marcas daban, e aínda dan, ao surf feminino continua chea de estereotipos e referencias sexistas que aos poucos se van reducindo afortunadamente.

Polémico video da presentación do Roxy Pro Biarritz 2013

Portada:
Tyler Wright en Fiji Foto por cortesía de Rip Curl

  1996  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 6, 2017 por Océano Surf Museo  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

This site is registered on wpml.org as a development site.