A celebración da quinta edición do campionato do mundo en Bells Beach, Australia, supuxo o punto de inflexión definitivo do que entón fora o “surf” impulsado pola industria. Aos surfeiros que participaron deste proceso deixaron de interesarlles as competicións. A pesar diso, moitos viaxaron até Australia para participar no campionato do mundo de 1970, que se celebrou no medio dunha treboada de vento, choiva, sarabia e malas ondas, procedente da Antártida, que durou dúas semanas. En terra, mentres as ondas non chegaban, viviuse tamén outra verdadeira treboada, con continuos altercados, detencións e abandonos. Ted Spencer, subcampión ese ano do título nacional australiano, e recentemente convertido a Hare Krishna, retirouse do evento dous días antes de que o campionato comezase. David Nuuhiwa voou de regreso a Huntington Beach despois da súa primeira manga. Corky Carroll cualificou o evento como “un fracaso completo”. Axentes de narcóticos entraron nas habitacións dos competidores á procura de drogas. Os surfeiros que viñan de zonas tropicais caeron enfermos de gripe polas baixas temperaturas. O desastre era total.
A vitoria de Sharron Weber, na proba feminina, sobre a campioa mundial Margo Godfrey, foi totalmente ignorada polos medios. As semifinais e final da competición masculina celebráronse na praia de Johanna, a 150 quilómetros ao suroeste de Bells Beach. Rolf Aurness. Porén Aurness renunciou ao premio como demostración do seu descontento e de que nunca máis volvería competir. Tres do seis finalistas non se molestaron en aparecer na entrega de premios. Tras o campionato, a revista Surfer cualificouno como “a morte de todos os campionatos”.
A atención dos surfeiros centrouse durante eses anos na procura de novas ondas, de lugares aínda virxes: Uluwatu (Bali), Grajagan (Java), Lagundri Bay (Nias), Tavarua e Namotu (Fidxi), e novas ondas en Australia, América Central e Sudamérica, o Caribe, Europa, África e Asia, fixeron que o mapa de ondas do mundo quedase obsoleto tras cada nova viaxe de exploración, que era relatado en detalle polas revistas Surfer, Surfing e Tracks, e xornalistas como Ron Stoner, Kevin Naugton ou Craig Peterson.
Os convulsos tempos de cambio tiveron tamén a súa expresión no cinema, a música e o grafismo, que reflectiron o movemento contracultural xurdido no surf desde finais dos anos 50. Películas como “Evolution” e “Pacific Vibrations” de Paul Witzig, “Cosmic Children” de Hal Jepsen, ou “Morning of the Earth” de Albert Falzon e David Elfick, trasladaron á gran pantalla este novo pensamento que vinculaba dun modo máis próximo ao surf coa natureza. A música surf desapareceu para ser substituída polo rock de Led Zeppelin, Pink Floyd ou Jimmy Hendrix. O concerto de Hendrix no cráter de Haleakala, na illa de Maui, en xullo de 1970, foi dalgún modo a culminación e expresión máxima de todo este movemento.
O novo espírito alcanzou tamén a artistas e grafistas. Entre todas as figuras da época destacou a de Rick Griffin, quen desenvolveu boa parte da súa obra para a revista Surfer.