Información
Vostede está aquí:   Home  /  Historia  /  As ondas artificiais

As ondas artificiais

Os humanos temos unha especie de impulso que parece levarnos a querer imitar, ou mesmo pretender superar, á natureza. As piscinas de ondas, e a posibilidade de surfear sen depender das condicións meteorolóxicas, sempre atraeu aos surfeiros. Pero tamén esta posibilidade xerou reaccións enfrontadas. Algúns o ven como a solución á saturación das praias. Pero outros ven nestas ondas artificiais unha traizón a un dos principais atractivos do surf: a súa vinculación coa natureza.

As primeiras piscinas de ondas construíronse en Europa durante os anos 20 e 30, aínda que non eran para surfear. A máis coñecida era a Empire Pool en Wembley, Londres, que abriu as súas portas en 1934. Medía 60 metros de longo por 18 de ancho, e xeraba ondulacións para diversión dos bañistas mediante catro pas accionadas electricamente.

A piscina de ondas de Summerland, construída en 1966 preto de Tokio, Xapón, foi a primeira en ser utilizada polos surfeiros. Cada hora a piscina baleirábase de nadadores, e os surfeiros dispuñan de 15 minutos de ondas.

En 1969 abría en Tempe, Arizona, Big Surf, a primeira piscina de ondas dos Estados Unidos cun investimento que superou os 2 millóns de dólares. As ondas de Big Surf eran xeradas ao deixarse caer centos de toneladas de auga por unha rampla vertical. A apertura da piscina tivo unha gran cobertura mediática, e foi visitada en varias ocasións por surfeiros como Fred Hemmings ou Corky Carroll.

Con todo a evolución destas piscinas cara a ondas mellores viuse freada polo medo dos seus promotores aos accidentes que se puidesen producir, e as posteriores demandas. Aínda así, e a pesar do “temor” dos investidores, a estas piscinas déronselles nomes como Thunder Bay, Poseidon’s Rage ou Typhoon Lagoon, nun intento de atraer a afeccionados en busca dunha “experiencia arriscada”.

Campeonato do mundo de surf en Dorney Park Wildwater Kingdom en Allentown – 1985

A aparición das piscinas de ondas foi vista polos grandes patrocinadores como a solución aos moitos dos problemas que ten o surf para ser retransmitido por televisión: dependencia das condicións meteorolóxicas, imposibilidade de fixar un horario concreto de retransmisión, imprevisibilidade en canto ás condicións. Tom Carroll, durante o circuíto mundial de 1985, gañou o primeiro evento profesional celebrado nunha piscina, no Dorney Park Wildwater Kingdom en Allentown, Pensilvania. En 1997 Kelly Slater vencía no  Typhoon Lagoon de Disney World en Orlando, Florida. Rob Machado faríao ao ano seguinte. A mediados dos 90 o australiano Matthew Pitts, traballou durante cinco anos, actuando cada noite, no Ocean Dome de Miyazaki, en Xapón.

A finais dos 80 e principios dos 90, como resposta á saturación dalgunhas zonas do planeta onde o surf era máis popular, comezouse a pensar na idea de crear ondas artificiais no propio mar. Os intentos centráronse na construción de arrecifes artificiais, que reproducisen as formas do fondo mariño, pero co tempo estas ideas foron descartadas, tras varios soados fracasos, entre eles un impulsado por Surfrider Fundation.

A finais dos 90, o interese das ondas artificiais desviouse cara a unha máquina chamada FlowRider: unha onda fixa formada por unha fina capa de auga que se envolve sobre unha rampla inclinada de caucho duro. Con todo este tipo de instalación difire moito do surf, sendo a técnica, e o tipo de táboas que se empregan, totalmente diferentes.

Parque Snowdonia, no norte de Gales

O último paso no desenvolvemento das piscinas de ondas veu da man de diferentes solucións baseadas na técnica do “wavefoil”, coa que mediante a circulación dunha pa por baixo da superficie da auga créase unha ondulación que, ao interactuar co fondo, xera unha onda de diferentes formas e lonxitudes. En 2012 unha empresa española chamada Wavegarden utilizou esta técnica para crear unha onda de case 20 segundos de percorrido, oca e con boa forma, que permite a realización de todo tipo de manobras durante o seu percorrido, nunha instalación construída no País Vasco. A solución de Wavegarden xa se comercializou no parque Snowdonia, no norte de Gales, e no NLand Surf Park de Texas. A finais de 2015, a compañía Kelly Slater Wave Company, lanzou un curto vídeo da súa propia piscina, que creaba unha onda máis grande, máis longa, máis oca e máis potente que a producida por Wavegarden.

En 2016 Wavegarden fai público o seu prototipo The Cove, que mellora a versión anterior non só en canto á forma e forza da onda, senón tamén en canto á súa frecuencia, xa que é capaz de xerar preto de 1.000 ondas á hora. A compañía anuncia o arranque de 20 proxectos con The Cove en todo o mundo, tres deles en España.

  2012  /  Historia  /  Última actualización: Novembro 6, 2017 por Océano Surf Museo  / 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

This site is registered on wpml.org as a development site.